|
Houbo un tempo no
que as empinadas rúas do barrio do Poleiro, as mesmas que hoxe
patexan sen rumo grupos de turistas, retumbaron baixo o xordo
martelo dos cascos de centos de cabalos. Houbo un tempo no que os
nobres galegos e paladíns casteláns disputáronse esta praza para
pasear por ela as súas coirazas brunidas e os seus estandartes
multicores. Foi entón cando Viana forxou toda a súa grandura,
cando mereceu ser nomeada vila e cando encabezou a comarca do País
do Bibei. Viana empeñouse en amontoar nun palmo de terra, lambido
polo Bibei, unha amplía mostra do que a man do home é capaz de
labrar cando se pon ao servicio do seu inxenio, da súa sensibilidade.
Blasóns xa erosionados acompañan o camiñante ao longo do labirinto
das vellas rúas que nos levan ata o castelo. Algunhas portiñas
agochan vizosos patios nos que reina a quietude. Seguindo o curso
das ruelas, o visitante logo se estrela contra o torreón, a vella
igrexa ou cemiterio da Soedade. Entre os restos arqueolóxicos que a
sitúan na historia, salientar unha prancha de bronce labrada,
descuberta en 1728 dende hoxe érgase a vila de Viana, que atestigua
a existencia dun pequeno castro, seguramente o primeiro núcleo de
poboación, segundo a opinión de Otero Pedrayo. Na Idade Media
construíuse un castelo, o rededor do que vai a xirar a vida de Viana.
Fernando II encontrou a fortaleza destruída e reedificouna en 1180,
repoboando a vila. O castelo e as terras circundantes, que gozaban
de foros e goberno propio, pertenceron a Fernando de de Castro, da
casa de Lemos, logo a Pedro Henríquez, por unha doazón de Henrique
II de Trastámara, quen a exime de tributos. Con posteridade, Filipe
II a erixe na cabeza do marquesado a favor de Pedro Pimentel, fillo
do conde de Benavente. Estes continuos trocos de dono orixinan unha
serie de enfrontamentos e a destrucción continuada da fortaleza, que
terá que ser novamente reconstruída no século XV.
Na actual fonte da praza da vila -O Pilón- e un monumento
conmemorativo da execución dos dirixentes dun alzamento liberal, no
1830.
A igrexa parroquial, reformada a finais do século XIX, conserva
restos románicos nas fiestras de dobre arco de ferradura de
influencia mozárabe. |